Acto I: Nunha hora non gañamos Zamora
A fatiga da viaxe, a fame e a chuvia aliáronse para deslucir a nosa primeira parada. A clasicista fachada norte da catedral dounos acubillo e a praza diante dela e do castelo foi o lugar elixido para facer unha apresurada lectura con lembranzas de Viriato, dona Urraca, o Cid, Sancho II ou o traidor Bellido Dolfos.
Acto II: En Salamanca non vimos a ra
Contan que Unamuno lamentaba que moitos, por culpa do batracio, non visen outra cousa na súa querida Salamanca. Nós non vimos a ra mais si vimos moitas outras cousas: na praza dos Bandos, soar natalicio de Carmen Martín Gaite, a casa da lexendaria dona María a Brava; na librería Hydria unha perfecta maridanza entre negocio e cultura; no Da2 a transformación dunha antiga prisión nun museo ou no barrio do Oeste como imaxinación, arte e solidariedade poden sacar do anonimato muros de obra, anódinas portas de garaxe, insulsas medianeiras ou vulgar mobiliario urbano.
Aproveitamos tamén para coñecer a dinámica e versátil biblioteca Torrente Ballester e para enfeitizarnos coa poesía de Raúl Vacas e a música de Fernando Maés.
Enchéusenos a cabeza de paxaros nunha virtual ruta ornitolóxica guiados por poesías voantes, píos, limóns en gaiola ou aves metropolitanas.
Enchéusenos a cabeza de paxaros nunha virtual ruta ornitolóxica guiados por poesías voantes, píos, limóns en gaiola ou aves metropolitanas.
Vivimos
a maxia das etimoloxías populares, das lendas e a mitoloxía salmantinas
levados da man de Fernando Saldaña: el foi quen de esvaecer o sono e o
cansanzo acugulados despois de dúas noites toledanas no albergue
salmantino; nas súas historias foi mágoa que o príncipe azul non se
chamara Calisto, a princesa Melibea ou que o asno afogado non pertencese
a algún dos amos de Lázaro de Tormes.
Enfeitizados deixamos Salamanca co compromiso de volver porque como dixo Cervantes Salamanca... enhechiza la voluntad de volver a ella a todos los que la apacibilidad de su vivienda han gustado. E tamén para ver a ra que garante o tan desexado aprobado nos exames!
Acto III: O turre tabarense alta et lapidea...
E de regreso paramos en Tábara para homenaxear, lendo, ao seu fillo o poeta León Felipe e para lembrar as glorias pasadas desta tranquila e hospitalaria vila que nos abriu, fóra de horario e de xeito altruista, o seu scriptorium (so a románica torre da igrexa de Santa María, herdeira da súa antecesora do mosteiro de San Salvador alta e pétrea) onde están expostos facsímiles de varios beatos entre os que destaca o chamado de Tábara.
Ao luscofusco despedímonos de Tábara cara aos nosos distintos destinos; rematabamos tres intensas xornadas pletóricos de ilusións para próximas enleadas poéticas e algo máis que poéticas.