“ Camiñan
as horas pola ponte /os seus dedos non tocan / a auga que a atravesa”
Así comeza o poemario de Marga do Val A
cidade sen roupa ao sol
e estes versos sitúannos nun dos principais espazos desta obra: a
cidade de Tui coa súa ponte e o seu río.
A
pesar de ser un poemario podemos seguir unha historia: a da pricesa
poeta na súa torre ( “É a torre/ o cuarto propio da poeta/ da
princesa...”) , a da filla da costureira ( “ Para quen cose a
súa mamá costureiriña de aldea...”, a da nena da aldea rodeada
de froitos ( “ A maceira/ as altas pereiras de San Xoán...”) e a
“roupa tendida ao sol”.
O
mundo tudense mestúrase cos versos, a fronteira, a ponte, as
monxiñas encerradas que fan peixiños que logo volven ao río mais
tamén atopamos paseando ás damas do anel e polas alamedas aos
ladróns das palabras: a represión, a inxustiza, a liberdade
coartada, a emigración pairan polos versos da autora xunto á
nostalxia da infancia.
As
referencias á historia da Alemaña, a represión dos campos de
concentración , os poetas alemáns, o exilio da propia autora no
país, corren paralelas aos sons da literatura galega, de Curros, de
Manuel Antonio e das poetas galegas no “retrato da poeta”.
Un
poemario reivindicativo, a negación das torres e das princesas á
par da frescura da aldea, das froitas e da roupa tendida ao sol, sen
esquecera presenza da morte e do amor, da morte pequena, do desexo,
da inocencia e da tristeza.
Recomendamos
estes versos que presentan a opresión reclamando a liberdade, o fin
da inxustiza e o regreso á nai e á infancia.
...Reparade na cidade
onde só a lúa é transparente
onde a néboa regresa cada noite
cargada de pólvora
e o ceo se cobre de berros
de silencios atados
A poeta retorce a palabra
mergullada na auga
e ergue un canto
dos remuíños do río
sen perdón.
A princesa arranxa o veleno
oculto nas paredes
e sanda o gran
do abeiro dos faiados
sulfamida
de cobre...
(fragmento de A Torre)
No hay comentarios:
Publicar un comentario