No mes de maio queremos achegarnos á poesía da Costa da Morte e ao seu poeta SERXIO IGLESIAS. Aínda que nado en Bos Aires forma parte do Batallón Literario da Costa da Morte coma a nosa querida María Mado. Escoitámolo recitando os seus poemas por vez primeira na librería Porta XIII en Vila Nova da Cerveira e impresionounos a sonoridade e a forza dos seus versos.
Comeza os seus camiños líricos nos anos 90 formando parte do colectivo Ronseltz (xunto con Xavier Cordal e Manuel Cortés) co poemario colectivo Unicornio de cenorias que cabalgas so sábados (1994), mostránse irreverentes cos clásicos e mesmo parodian a lírica medieval.
" Novoneyra, reflexionando,
perde o taxi por non estar
atento..."
(Novoneyra en Nova York)
Individualmente publicou os seguintes poemarios:
- Métodos para afogar un cisne (Ed. Positivas, 2002).
- Viaxe ao interior da fenda (Ed. Sotelo Blanco, 2012). Premio Eusebio Baleirón.
Poética:
A un narrador nunca se lle pide que redefina o xénero.
O panadeiro amasa (fariña, auga, lévedo e sal) e fai o pan.
As autopoéticas son cursis e van preñadas de engolamento estéril.
O poema é porque é en si.
E de cando en vez sae do forno poema de pantrigo.
Rostro:
un lugar chamado aquel sitio
con secretas pinceladas nos recantos
voces que veñen e van na travesía
e bramidos nus nos buratos
das esponxas
unha praia chamada rostro
na amnesia dos vivos
perdura o sal de labios tolleitos
ollares de esguello
e roupas de gato
naquel sitio alcumado lugar
a vella pousa o cu octoxenario
no tallo de mirar cara á fóra
no mar do rostro
......................................................
participa do noso fracaso
a acubíllate hipodérmico
pola alma toda
fálalle ao alento
do encanto da boca espesa
do peso dos brazos
dun cisne que afogamos
con orballo de limón
principio a principio
a lume lento
como un segredo ao mundo
míntelle do que ves
os ollos
nos zapatos
orgullo
de Métodos para afogar un cisne.
( Os poemas proceden da páxina da BVG e de As escollas electivas).
O grupo Xardín desordenado ten musicado os seu poema " Os malos sen revólver" de Métodos para afogar un cisne.
No hay comentarios:
Publicar un comentario