sábado, 1 de septiembre de 2012

5 motivos para ler POESÍA

Iniciamos a andaina deste blog do proxecto "Enredando versos" cunha colaboración moi na liña do que pretendemos acadar neste traballo:  "enREDar coa poesía ". O texto que publicamos a seguir é da autoría do escritor, narrador e poeta, Fran Alonso (o noso primeiro "poeta galego do mes"); o autor dános 5 motivos para ler versos, motivos que compartimos e queremos facervos chegar a todos e todas os que nos queirades acompañar neste camiño de palabras e rimas ao que xa levamos algún tempo dando voltas e que hoxe nace por fin na REDE. 

5 motivos para ler POESÍA

1. A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.

2. A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa ás persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.

3. Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.

4. A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.

5. O imprtante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva facer da poesía un pracer.

FRAN ALONSO