viernes, 3 de mayo de 2013

Enredando versos: Crónica dun encontro “POÉTICO”


O día de onte resultou ser para todos os asistentes ao encontro “Enredando versos” (poetas e poetisas, organizadores e organizadoras, profesores e profesoras acompañantes, alumnas e alumnos) intensamente poético, un día no que o sol lucíu para nós cal luciron as sensacións e sentimentos, as palabras que – rimadas e non rimadas- voaron tal avelaíñas ao noso arredor mentres estivemos xuntos.
_DSC3150
_DSC3175 _DSC3160
Chegados ao auditorio de Sanxenxo, tralas miradas inquedas e sorprendidas dos chicos e chicas (Onde me trouxeron? Que me separan dos compañeiros! Quen son estes que van comigo? ) situados xa por cores e obradoiros a primeira sesión de fotos e logo ao local que nos corresponde. Os poetas ultiman as sesións, vanse afacendo coa confianza do seu auditorio, vannos conquistando e “enredando” cos seus xogos poéticos, cadaquen deles co seu estilo:
2003-12-31 23.00.00-239 _DSC3246 2003-12-31 23.00.00-251
O rapeiro cos pequenos de A Lama e A Florida, as chicas do obradoiro azul e laranxa vidas desde Compostela, Raúl Vacas que ocupa a súa mesa cunha maleta, libros, cámaras, Carlos Negro que reparte chocolate,  tesouras e xornais vellos, Ledicia Costas que nos fala de respecto e rimas, de perder a vergoña para versificar, o son da guitarra de Lucía Aldao e a doce voz con aires da Costa da Morte de María Lado e foron “enredándoos e enredándonos” coas hedras das súas verbas; nalgún momento, o da composición, os silencios creativos sabían a papel e bolígrafo, a nerviosismo e a satisfacción para conducirnos suavemente á lectura en voz alta, ao poema colaborativo, a sabores e colores en verso.
E chegou o descanso, a merenda co reencontro, as opinións sobre as experiencias e preparados xa para o recital de alumnos, alumnas e poetas…
2003-12-31 23.00.00-254 2003-12-31 23.00.00-266 2003-12-31 23.00.00-265
Quen dixo que os adolescentes non son creativos, que non lles interesa a poesía? Douscentos trinta rapaces e rapazas de 6º de primaria a primeiro de bacharelato, de distintos puntos do sur de Galicia escoitando e respectando as voces dos poetas, dos compañeiros e finalmente unindo as súas voces para resucitar as palabras que Rosalía escribiu hai 150 anos. Unha marabilla escoitalos e admirar os seus rostros sorrindo.
Pero aínda non rematamos, hai que ir ao mercado regalando poemas á xente da rúa, compartindo versos e caramelos en caixas de  medicamentos ante a tristeza, a soidade, a crise (que llo pregunten aos alumnos de Dodro). E ante o mercado máis e máis versos … “hai fame, son as tres e seguimos recitando versos”.
Por fin á praia, os bocatas, a tortilla e a empanada, alimentamos a mente para recuperar palabras e rimas… e non rimas. Descanso.
P5020043 P5020035 P5020046
Son as catro e estes profes queren que “colguemos” poemas das árbores, pois si, alá imos versos e máis versos tendidos ao sol e ao vento na beira do mar, azul intenso no ceo e na auga e as formas do papel, as palabras penduradas con pinzas de cores decoradas polas axudantes da biblioteca do CEIP A Lama. Logo vén a despedida, o manifesto poético, as voces de María, de Raúl  e de Ledicia e a mensaxe na botella que non quería entrar, as palabras querían quedar con nós mais finalmente foron ao mar buscar novos roteiros para a poesía nos beizos doutros adolescentes necesitados de sentimentos, olores e sabores a mar.
P5020079 P5020058 P5020053
O mellor agasallo: o sorriso dos chicos e chicas – os nosos protagonistas- durante toda a xornada e na hora da despedida.

(Fotografías de Rafael Sánchez Agostino, Xosé María Lores, Harold Iglesias e Anxos Rial)

No hay comentarios:

Publicar un comentario