domingo, 9 de febrero de 2014

En febreiro con Celso Fernández Sanmartín

Naceu en Lalín en 1969. Licenciouse en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela.Ademais de contador de historias é escritor e autor de libros de poesía como Divagacións iú (edición de autor, 1991), O tigre das cenorias (edición de autor, 1994), Sen Título (edición de autor, 1995), Propiamente son captivo (Letras de Cal, 1997), Fucsia,talladas, estampados, boca (Alvarellos, 2001) e da obra colectiva Letras novas (2008, AELG). Tamén cultiva outros xéneros como o recentemente publicado Gratase Boas Novas (Alvarellos, 2011), un libro de imaxes, de cartas e postais.



Un caracol pequeno que vai subindo por unha parede

pintada de branco descansa metido dentro da cuncha

e deixa a alma dunha nube seca

ti mándasme unha caixa con rinocerontes dos peores

co seu corno de diante agranatado

preto do fociño

polo que se airean e o de detrás dese máis pequeño e

verde preto do medio e medio dos dous ollos das dúas

orellas no medio e medio da cara

un paxaro ou dous no lombo espinícano todo e déixaos

estar o rinoceronte porque se sente ben

ben de que lle

coman o picor continuo

o rinoceronte inmenso non ten nada que ver cos coches ata

que o cacen baixándose dun coche para recoñecer que era

unha boa peza de rinoceronte

báixanse do coche para ver se o levan consigo ou non o

levan consigo

ou collen o trofeo

auga na selva

gavelas de toxos da selva

rinoceronte

o da selva

se non te lembraches de deixar regulado o termostato da

auga quente a calefacción hache chegar á cabeza coma unha

preocupación e no encoro os parrulos gárdanse de nós entre

as xuncas

no seu corpo atopamos papeis que o acreditan coma un

cazador en regra segundo as leis do país 
 

Propiamente son captivo, Pontevedra: Letras de Cal, 1997 

 
neste sitio

hai sombras a maus cheas

amores a maus cheas

cada folla da nogueira é

unha sombra e un amor

polas noces

pola mirar

polo aire que couta

e a herba que lle medra ó pé

porque o señor armindo

deitábase nela

despois de xantar

ó amor das sombras

ó chegalo vrau 


Poemas do aviador (Inédito)





tocoulle no último boleto

un animal e tívolle medo

voou ceo para arriba primeiro

fuxindo da terra

e ceo para abaixo

voltou despois

quedáralle no chau unha chave

de reparación

unha vara verde con follas

e unha mada de tornillos

o animal estaba

aniñado neles

ó pé dunha vara verde con limós

aterecido

asustado

érguete e mira

meu ben, meu ceo

o meu avión

verme voar 


Poemas do aviador (Inédito)





Facía unha calor de moita chispa para ser de noite
por iso abriron a ventá da cociña
destaparon unha lata de mexilós e coméronos todos sen pan
picándoos cun pauciño
nisto que se foi a luz e na mesma salsa de escabeche dos mexilós
reflexouse a lúa


(Sen título) (1995)



No hay comentarios:

Publicar un comentario