martes, 17 de diciembre de 2013

A utilidade do inútil


Pepe Álvarez Cáccamo
Conferencia inaugural: "Poesía para xente miúda".

Di Fran Alonso que a poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa..., na conversa e nas rúas.

O importante da poesía, continúa afirmando no seu manifesto, non é obsesionarse con descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva facer da poesía un pracer.

No universo do utilitarismo,  escribe no prólogo do seu libro o pensador italiano, Nuccio Ordine (1), un martelo vale máis que unha sinfonía, un coitelo máis que unha poesía, unha chave inglesa máis que un cadro: ¿por que é doado facerse cargo da eficacia dun utensilio mentres que resulta cada vez máis difícil entender para que poden servir a música, a literatura ou a arte?

O filósofo e tamém profesor italiano afirma: pensei que era o momento de reaccionar como o que son, un profesor, buscando os argumentos, encontrando páxinas dos clásicos que poidan facer vibrar as cordas do corazón dos meus novos estudantes.

   

E chegados a este punto, as xornadas en Compostela, plantexan estas cuestións enriba da mesa. Como poetas e docentes preguntarse que é a poesía,  reflexionar acerca do seu interese e  utilidade para os lectores e lectoras e  para a rapazada resulta un tema central. Antonio García Teijeiro,  recolle o verso de Celaya, Poesía necesaria, para dar título a un libro de lectura e creación poética dentro da aula. Se nós estamos convencidos, contaxiaremos este convencemento ao noso alumnado, afirma o poeta. 

E aquí, no plano da experiencia práctica están os obradoiros impartidos por Antía Otero, Dores Tembrás e Carlos Negro. Tamén o proxecto "Enredando versos" que pretende achegar como mediadores que somos os versos dos poetas nas aulas e trasladar a súa voz  á rutina diaria.

Porque a poesía é unha fogueira, imos queimarnos nela. Celso Emilio Ferreiro


Mesa redonda "Enredando versos nas aulas": Anxos Rial, Mercedes Queixas, Montse Penas e Romina Bal

Para rematar as xornadas nada mellor que a música, aliada imprescindible da poesía. Tres mulleres entorno a Rosalía. Diferentes voces, diferentes estilos unidas pola palabra.

Najla Shami:"Na lingua que eu falo"

Uxía:"Rosalía pequeniña"

Temos necesidade do inútil como temos necesidade, para vivir, das funcións vitais esenciais. A poesía, recórdanos Ionesco, a necesidade de imaxinar, de crear é tan fundamental como o é respirar. Respirar é vivir e non evadir a vida." (Nucio Ordine, 2013).

(1) ORDINE, N. (2013). La utilidad de lo inútil. Barcelona: Acantilado.

Imaxes: Harold

No hay comentarios:

Publicar un comentario