lunes, 9 de diciembre de 2013

Na voz de Joan Margarit



A  voz  profunda do poeta consegue envolvernos na atmósfera da posguerra, nese territorio frío sinónimo de morte. Os hospicios son os únicos lugares que ofrecen amparo, fronte á soidade, á fame e á represión da época.  Ante o pesimismo dunha vida sen futuro, queda, non obstante, un consolo: a poesía, concebida coma a casa da misericordia. Véxase pois o paralelismo entre estas institucións e o poema, pois ámbos posibilitan cobixo.

O poeta escribe, no epílogo do libro: "O título deste libro e o de un dos poemas que contén, concebino mentres visitaba unha exposición sobre a Casa de Misericordia, onde podían verse fotografías e documentos ligados á historia desta institución."  Daquela era frecuente as solicitudes ante o xuíz das viúvas dos homes asasinados na represión do final da guerra do 36, que pedían o ingreso dos seus fillos nun orfanato pola imposibilidade de poder mantelos. 

Casa de misericordia foi Premio Nacional de Poesía no ano 2008.



A poesía de Joan Margarit busca a verdade e afronta con valentía a dureza da vida. Llegas tarde a tu tiempo, é un libro de poemas dedicado ós últimos oito meses da vida da súa filla Joana, que naceu con síndrome de Rubinstein-Taybe, e que morreu aos trinta anos. O poeta escribe no prólogo: "Os trinta anos que vivimos xuntos son agora o único contrapeso e o meu tesouro. Foi dende moi temperán unha persoa moi especial: por unha parte, a causa das súas minusvalías, que lle deixaban o amor como única ferramenta para sobrevivir, era incapaz de rancor; de orgullo, de calquera dos máis ínfimos sinais de maldade.... Ser o seu pai significou estar sempre xunto ao máis delicado e bondadoso que pode ofrecer a vida."

Joan Margarit estivo no 2010 no ciclo de Recitais Poéticos "POETAS DI(N)VERSOS" que dende o outono do 2009 vense celebrando en A Coruña, baixo a coordinación de Yolanda Castaño.
Podemos escoitalo neste vídeoacompañado de Álvarez Cáccamo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario